Planeta Periferia
São Paulo. Zona Sul.

 

Esquadros – Adriana Calcanhoto

http://blogs.xornal.com/deliberadamente/2011/01/19/iolanda-zuniga-e-as-palabras-en-ruinas/

 Periferia (Xerais, 2010) está escrita nas ruínas da cidade. São Paulo no tempo da matanza, estradas as vísceras da sociedade capitalista. Miseria e simulacro. Dezaoito millóns de habitantes e non hai ninguén a quen tocar. Luciana/Simone e Brown simulan ser os protagonistas da novela, pero nin sequera son persoas. Máis ben parecen fantasmas. Como antigos gravados fosforescentes nas paredes dun túnel que atravesamos nun tren a gran velocidade. Alta velocidade. O apetito da metrópole é inmenso, o relato non dá. Para contar a cidade en ruínas no tempo da matanza hai que buscar outro artefacto. Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) propón un. Cousa infrecuente. A relación de Luciana/Simone e Brown é soamente o mal necesario que consente unha novela como Periferia, gañadora este ano do premio máis dotado (Xerais) da narrativa en lingua galega. O resto é unha conspiración contra a lectora. Iolanda Zúñiga sométea a unha tortura. Cincocentas páxinas, once saltos de parágrafo. Un disco longuísimo: nove cortes, un bonus track e outra pista oculta. E ao longo de toda a serie, todo. É o que ten de especificamente moderno Periferia: a vocación totalizadora. A voz quere un mapa da barbarie. O deporte, o narcotráfico, a fame, o tráfico, a violencia, a prostitución, a corrupción, o baleiramento moral, as políticas públicas, a favela. O galego, o brasileiro, a gíria. Os titulares dos periódicos, os manifestos, os diálogos despezados na rúa, os anuncios luminosos, as telenovelas, os informes gobernamentais, as consignas, centos de cancións, Sonic Youth, O Rappa, Legião Urbana, a música popular brasileira.

Iolanda Zúñiga xa traballara arreo coa linguaxe no seu debut na narrativa curta, pero había algo perverso (e publicitario) na prosa de Vidas post-it (Xerais, 2007, reedición en 2010). Aquel mangado de historias tamén era un tratado de sintomatoloxía urbana, pero a prosa era unha prosa-eslogan. Adoecía dunha certa tendencia ao gag. No caso de Periferia, todo ese traballo parece destinado a intentar a totalidade, dunha banda, e a incomodar a lectora, da outra. Que arfe, que súe, que abandone e volva se quere (algo). 

A Zúñiga acontécelle con Periferia o que a Paulino Viota con Contactos (1970). Para aquela película, o cineasta santanderino ideara un dispositivo áspero, deliberadamente inhabitábel. Quería que o seu filme fose unha pancada na conciencia do espectador en tanto espectador, contra a retórica alienante do cine alcumado “clásico”, e en tanto cidadán, someténdoo á dureza (e a banalidade) da resistencia antifranquista no penúltimo alento da ditadura. A forza de deixar a cámara no corredor e agardar a que os personaxes atravesasen o plano-secuencia cara a ningunha parte, Viota descubriu o corredor e a espera. Ao meter o fociño nas vísceras da cidade para retratar a barbarie, Iolanda Zúñiga albisca, non a cidade, senón unha forma para delimitar a ausencia da cidade. Unha linguaxe para as ruínas. E aí, máis ca na lectura (ecosocialista) do mundo, é onde Periferia é importante. Ao cabo, que é a literatura (de esquerdas), Barthes? “Ese esquivo e magnífico engano que permite escoitar a lingua fóra do poder, nun esplendor dunha revolución permanente da linguaxe”. Creo. 

 

Zeca Baleiro – Minha Casa
http://arumes.blogspot.com/2011/01/novelas-actuais.html
A lectura de Periferia o ano pasado produciu en min, aparte do gozoso experimento de desfrutar dunha obra única, a temible sensación de que calquera outra novela (por poñer un nome amplo á ficción) que emprendera posteriormente ía decepcionarme ou ía ser considerada baixo a implacable equiparación co extraordinario libro de Iolanda Zúñiga. Non me trabuquei e, case un ano despois, sigo sen atopar nada que lle chegue arredores da súa altura. Dos últimos tempos, o de Eco (do que apunto a súa capacidade destroyer da novela histórica e do feuilleton: quen escribirá agora eses novelos?), o de Menéndez Salmón (artefacto moi pulido que non me interesou demasiado), o de Rivas (xa comentado neste blog, de lectura lixeira) apenas ofrecen lugar para a mínima réplica. Ando agora co de Fernando Aramburu, Viaje con Clara por Alemania, que, de todos estes que leo tras o desbordante impacto de Periferia, é o que claramente (pero tamén sen competir en poderío co de Zúñiga) posúe unha forza e unha ambición literarias (de estilo fascinante, envolvente e irónico) máis destacadas.
Seguirei as aventuras desta parella polas terras alemanas con moita atención, pero aproveito este comentario para deixar aquí constancia da miña estrañeza (compartida co meu amigo X, que engade mesmo unha indisimulada indignación) sobre o silencioso eco que está a ter a grandísima novela de Iolanda Zúñiga. Difícil será a súa lectura, pero non ten, hoxe mesmo, con outras ningún punto de comparación.
 
 
Iolanda Zúñiga: ‘Débolle máis á linguaxe audiovisual que á literaria’

César Lorenzo Gil .  Un mes nos arrabaldos de São Paulo, no Brasil, fixo abrochar na imaxinación de Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) o universo narrativo que cimentou en ‘Periferia’, gañadora do Premio Xerais de Narrativa 2010 e considerada pola crítica unha das obras máis renovadoras das letras actuais.

 

Periferia está construída coma un mosaico de pezas de distinta orixe, desde cancións a fragmentos de libros ou xornais pasando por descricións, diálogos… Por que este modelo estilístico para contar a historia?

Eu quería facer unha estrutura de bonecas rusas, de escena pequena dentro de escena grande. Algo así como unha técnica de zoom cinematográfico que, á vista de paxaro, vai enfocando primeiro a grande urbe de São Paulo, logo a periferia, despois a favela na que vive Luciana e finalmente a historia que quería contar. Tomei o punto de vista que tiven eu cando cheguei ao Brasil, sen coñecementos sobre o lugar, soa, vivindo a vida cotiá cos ollos dunha viaxeira. Quixen guiar o lector a través da miña propia ollada pero recoñezo que sen demasiada distancia, recoñezo que adoutrinándoo un pouquechiño.

Aínda así, a descrición é a técnica máis usada.

Unha descrición do xeral ao particular que comeza cunha longa transición que conducise o lector a onde eu quería levalo. É por iso que nos dous primeiros capítulos non pasa “nada” a mantenta. Se falásemos dunha película, diriamos que na narración non hai montaxe. Todo o que pasa, entra no plano. Quería, sobre todo, ser honesta co que estaba vendo en cada intre, co grao de superficialidade, estrañeza ou abraio que a min me producira aquela experiencia “ao vivo”.

Quen lea o libro pode chegar a dubidar de que sexa unha novela. Vostede a que xénero a adscribe?

É unha novela porque non pode ser outra cousa. Se fose un ensaio, cada fonte que uso debería estar acreditada. Por poñer un exemplo, dou referencia de 500 cancións. Non hai nota ningunha sobre os autores. É certo que hai pouca ficción pero penso que unha novela de hoxe en día é aquel xénero que lle permite ao autor, con maior liberdade, apreixar a parte da realidade que lle interesa. Por iso non me importa recoñecer que hai plaxio, porque reproduzo directamente múltiplas referencias, e incluso algo de pirataría porque me “aproveitei” dos autores das músicas, dos artigos de xornal, dos libros… Estou “corrixindo” isto a través do meu blog, no que vou aos poucos deixando datos máis completos das citas, para quen teña interese.

A novela como concepto literario é obxecto de controversia desde hai décadas. É certo que está en ocaso unha concepción concreta de narrativa?

Eu non son teórica e podo achegar ben pouco a ese debate. O que si penso, como escritora e lectora, é que a literatura deixou de ter como fío preferente a propia literatura. A xente da miña idade está ben máis influída polo audiovisual e a música que polas lecturas. E eu recoñezo que sempre acabo preferindo ver unha película que empezar un libro. E como é lóxico, a linguaxe audiovisual acaba por influír na maneira de escribir, nos temas que se tratan, no enfoque, na relación entre narrador e lector. Pero tamén digo que este concepto é suficientemente amplo como para que caiban moitos tipos de novelas, sen que morra ningún.

Que papel ten a internet na construción de Periferia?

Sen a internet, Periferia non existiría, así de simple. A internet é o 50% da miña novela. Comprobei cada dato na rede, desde cifras até a gíria que falan cariocas e paulistanos. No ordenador descarguei as letras das cancións, lin os xornais dixitais, consultei a wikipedia e outras enciclopedias, deille ao play moitas veces no Youtube (Así a acabei incluído na páxina de agradecementos).

Arestora hai moito debate sobre como salvagardar os dereitos de autor. Pode haber quen diga que houbo “excesos” no seu uso en Periferia.

E quizais teñan razón. Debería ter dado maiores referencias de autores para que non pareza que non os respecto. Porque considero que hai que respectar e pagarlle a quen día a día crea; pero ao mesmo tempo, como creadora tamén, estaría encantada de espallar de balde o que imaxino, porque coido que esa idea está no propio cerne da creación. Dar a coñecer algo que ti compuxeches para que os demais poidan desfrutalo e tamén modelalo, aproveitalo e crear algo novo con material teu. O duro é encontrar un sistema que faga compatíbeis as dúas cousas.

 

‘Non estou segura de que haxa demanda de libro electrónico’

A portavoz do xurado do Premio Xerais, Comba Campoy, dixo que lle gustaría ler Periferia en formato electrónico para poder escoitar a música da novela. Están os creadores preparados para integrar diferentes linguaxes na literatura?

Falarei por min. Penso que en novelas coma esta sería xenial poder acceder dunha maneira instantánea, a través de enlaces, a todas as referencias. E sería máis xusto, retomando o que falabamos sobre dereitos de autor. E supoño que quizais insustentábel porque pagar os dereitos de todas estas cancións non había ser barato. Pero para outro tipo de historias, o libro tradicional chega de abondo. No futuro deduzo que a xente pensará doutro xeito pero a min gústame o libro de sempre por romantismo. Podo marcalos, deixar que amareleen, regalalos. O iPad véxoo demasiado voluminoso. Para iso levo un libro que me ocupa o mesmo. Tampouco estou moi segura de que haxa demanda dos lectores pero vaia, non me opoño ao avance das novas tecnoloxías.

A súa é das poucas novelas que integra o portugués do Brasil directamente no texto.

Na primeira versión da novela non había tanto portugués, tanta cursiva. Era consciente de que atragoaba un tanto a lectura. Mais ao final fun egoísta. Pensei máis en min ca no lector. É algo que fixen conscientemente. Non quería domesticar o libro a risco de que fose máis inaccesíbel. Precisaba que o ritmo de rap conducise o libro da primeira á derradeira páxina porque o ton da novela tiña que ser opresivo, abafante e escuro. E para iso necesitaba a lingua real que escoitara, na rúa e nas músicas. Non foi unha consideración lingüística senón literaria. Tanto é así que penso que este libro perdería o sal se fose traducido ao brasileiro porque un dos seus motores é ese contraste entre galego e portugués, entre tipografía plana e cursiva.

‘Para escribir necesito illarme da rutina’

Periferia é en xeral pesimista coa situación dos pobres brasileiros. Hai esperanza de que as cousas cambien?

Coido que si. Pero eses cambios non poden ter só un responsábel. Sen ánimo de entrar a falar de política, do meu punto de vista a periferia brasileira non está completamente “fóra do sistema”. Estanse a facer cousas, moi importantes, por mellorar unhas vidas que estiveron durante décadas apartadas da axenda gobernante. Por iso non se poden resolver nun feixe de anos. Pero o principal é que a propia poboación descubra dentro de si o poder para cambiar. Chámame a atención o enorme poder das relixións, vehiculadas nos cultos africanos e en multitude de confesións evanxélicas. No medio do balbordo dun día a día tan complexo, a actitude maioritaria parece ser a resignación e a entrega ao ditado de Deus. Cando se decidan a actuar, a mellorar, a aprender, os brasileiros mellorarán moito a súa vida.

A súa obra busca caldo de cultivo no conflito case de placas tectónicas (insatisfacción persoal, inxustiza social, represión…) Que outra “falla emocional” lle gustaría pasar ao papel?

Agora mesmo non encontrei nada que me “abale”, seguindo esa metáfora das placas tectónicas. Eu non son unha escritora de rutinas. Preciso illarme, crebar a miña vida cotiá e cambiar de escenario, buscar un espazo meu onde poder concentrarme no que quero facer. Unha vez conseguido isto, a historia flúe con comodidade.

 

Marisa Monte – Sonhos

REPORTAJE: Luces (El País) Unha escritora nas marxes urbanas

‘Periferia’, a terceira obra de Iolanda Zúñiga, acontece en São Paulo. A autora rebélase contra «os libros de cen páxinas que fomentan a lectura en galego» e advirte: «Que ninguén se engane, non vou ser eu quen colla o relevo da literatura confortable»

DOLORES VILAVEDRA  10/12/2010

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) xa suscitara a atención da crítica coas súas primeiras obras publicadas, os microrrelatos de Vidas post-it e o poemario Amor amén, e por iso resultou alentador que a súa novela Periferia gañase o Xerais 2010. No acto de entrega do galardón, a escritora pronunciou un breve discurso que moitos interpretamos como unha reivindicación da literatura como instrumento de revelación dos problemas do individuo como ser social, que resultaba esperanzadora como alternativa ao narcisismo posmoderno.

«O egocentrismo está ben para a casa, non para a intemperie do mundo»

«Abraioume a resignación das favelas fronte ao poder e á relixión»

«Contei a historia sen pensar no lector nin no mercado, só pensei no gueto»

«É un texto actual, de próxima caducidade, inzado de historias necesarias»

Unha interpretación posible da que a escritora non era moi consciente: «A miña intervención foi froito da urxencia, da sinceridade e das brasas que quedaran da rabia que levaba en min logo de rematar Periferia. Aquela exposición, elaborada con retallos de pensamento colleitados ao chou, mais nos que creo firmemente, pareceume algo natural e por moitos compartido. Sorprendeume que tivera a máis mínima transcendencia. Con honestidade, había que dicir algo e falei do que supuxera para min esta experiencia, ligada á miña biografía. Sen máis reviravoltas. Non pretendín en ningún momento convertir a miña intervención nun discurso nin pensei que fose permanecer na memoria colectiva máis alá daquela tarde. Malia que eu como persoa actúe dun xeito bastante anárquico, creo que para levar adiante cambios fondos na sociedade todas somos imprescindibles. O egocentrismo está ben para andar por casa, pero aí fóra, á intemperie do mundo, hai que proporcionar alento a quen o precisa. Fechar os ollos ante o que está a acontecer no planeta é unha estupidez».

Periferia nace da experiencia biográfica dunha estadía no Brasil, pero tamén dunha inquedanza previa: «A idea de crear algo que denunciase a situación desa parte marxinada da sociedade brasileira, e emprego a palabra ‘crear’ conscientemente, porque daquela non sabía que eu ía ser quen de escribir, xa me seduciu, por vez primeira, hai máis de 10 anos, cando lin Meu pé de Laranja Lima, unha historia sinxela e emotiva que narraba a vida na favela dun menino, Zezé. Logo axudoume o seguimento que fixen dalgunhas das súas músicas (MPB, bossa nova ou, sobre todo, rap). E, por último, influíume outro libro, Cidade de Deus, que tempo despois inspirou unha das series de televisión máis atraentes que vin xamais, Cidade dos Homens«. O coñecemento directo do Brasil impactou fondamente a Iolanda Zúñiga: «Impresionáronme negativamente,tamén houbo aspectos positivos, a violencia, o desespero, o atraso, o racismo, a escravitude que sofren e non alcanzan a ver ou a fe cega nas relixións, mesmo a fe imposta. E, por riba de todo, abraioume a resignación dos habitantes. Medorentos fronte ao poder ou á policía e refuxiados nas saias da relixión que os censura, que lles impide medrar como persoas, que os castiga por usar métodos anticonceptivos ou practicar abortos, porque hai que ocuparse das miles de fillas que virán, que serán sempre todas as que Deus queira. O resultado é unha infancia con innumerábeis medios irmáns, unha infancia que non acudirá á escola, unha infancia abandonada. E apenas se rebelan. Esa pasividade é algo que non alcanzo a comprender… será que levan o pasado escravo impreso no ADN».

Aínda que ela non cre moito na utopía dunha relación privilexiada Galicia-Brasil, si recoñece a existencia dun vencello especial: «O feito de compartirmos aspectos culturais ou pasado emigrante non creo que sexa abondo. Mais, si, hai algo etéreo que fai que nos sintamos unidos a eles. Talvez todo sexa unha cuestión lingüística, non o sei. Persoalmente, narrei esa periferia e non calquera outra porque a lingua me irmandaba con ese lugar».

Periferia combina unha historia de amor con elementos da novela de aventuras, pero todo o discurso está salferido de constantes referencias ás causas da desigualdade social, aos fenómenos económicos que explican as periferias, de xeito que quen le non pode eludir esa compoñente, non pode limitarse a unha lectura superficial ou anecdótica. Iso era exactamente o que a escritora buscaba. «Non quería que ninguén eludise esta denuncia. E, se cadra, que algunha lectora se unise tamén a ela. A historia ten un obxectivo claro e, como dixen antes, premeditado. E si, é imposible que se dea unha lectura superficial. Quen queira disfrutar dese tramo da viaxe que atinxe á ficción ten que pagar toda a pasaxe, e aturar informacións, estatísticas e, sobre todo, crueza, realidade. Senón, as lectoras deberán recorrer a outras lecturas máis compracentes».

Quizais por esa vontade de realismo unha parte importante do texto está escrita en brasileiro. Cando comeza a lectura, unha pensa que esa lingua vai ter una función ornamental, pero a medida que avanza decátase de que non, de que é un procedemento para obrigarnos a escoitar en directo as voces daqueles que non teñen moitas ocasións de facérense oír. Ante o que iso supón de desafío para o público, a autora confésase: «Apenas o valorei, talvez fun unha inconsciente. Se o fixese, non redactaría a novela dese xeito e tentaría aproximarme a un texto máis comercial. Pero non quería sucedáneos baratos do que supuña vivir naquel lugar. Buscaba narrar con veracidade a historia desa periferia. Ademais, non me parecía xusto que só falara o narrador. E que pasa con eles? cos ignorados e invisibles? cos que buscan erguer a voz e non teñen quen os escoite? Quixen darlles o espazo que reclaman e ao que, coma seres humanos, teñen dereito. Era imprescindible que se expresasen, sobre todo nunha crónica de tipo social como é esta».

Sen complexos, recoñece que o seu é un texto «labiríntico, complexo e canso para a lectora. É probable que haxa quen se desanime a lelo, pero lecturas cómodas e de cen páxinas que fomenten a lectura en galego hainas a moreas. E que ninguén se engane, non vou ser eu quen colla o relevo dese tipo de literatura confortable. A música e o cine xa nos dan todo mastigado. Ler require do noso esforzo e, ás veces, tamén un exercicio de reflexión. Escollín as ferramentas das que me ían valer para narrar a historia sen pensar no mercado nin nas lectoras e si pensando nas calamidades polas que pasan os habitantes dos guetos das grandes urbes, malia que, ao cabo, todos, pobres e acomodados, naufraguen. Así que este relato, denso e asfixiante, está escrito con premeditación e aleivosía. Sorprendeume gañar o Xerais. Era consciente de que presentara unha proposta arriscada e difícil de comercializar. Mais este era o resultado que buscaba, e achégase bastante á idea inicial».

A inusual extensión da novela tamén causou sorpresa, e máis tratándose dunha escritora que adoitaba traballar con fórmulas breves. Iolanda Zúñiga confesa que se situou «ante a páxina en branco con certo temor». «Vivín a experiencia como esgotadora, pois foi a primeira vez que emprendín unha aventura rodeada de palabras e sendo consciente do feito de estar escribindo. Unha novela longa ten moito que ver co oficio de corredor de fondo: adestras en cada frase, parágrafo ou capítulo. Logo, para lograr ser constante, simplemente deixei actuar á obsesión. Obsesioneime, si. Durmín coa historia, espertei con ela e camiñei ao seu carón durante todos eses meses. Había días nos que a vida se reducía a pensar como enlazar un par de frases ou suprimir aquí e engrosar alá», engade.

As músicas contemporáneas e a cultura popular desempeñan un papel fundamental en Periferia. «Porque o relato mo pedía a berros», explícase, «é un texto hiperactual, cunha data de caducidade próxima e que non terá maior transcendencia alén dun ano ou dous. Tampouco busco perdurar na literatura. Concíboa como hoxe e agora, inzada de historias necesarias pero fugaces. Ás veces, esa ambición de perpetuidade do ser humano provoca que esquezamos contar o tempo que nos tocou vivir». E iso é o que fai a voz narrativa de Periferia, que ten un algo demiúrxico sen resultar impersoal e que constitúe un dos grandes acertos da novela «Efectivamente, o narrador implícase, pero tamén, ás veces, sitúase a unha distancia prudente porque el non é un deles. A pesar de sufrir coas súas dificultades e de solidarizarse coa súa loita pola supervivencia, sabe que non é un deles. Ademais, gústame esa figura que comentas, a do narrador omnipresente, que está en todos lados, que todo o sabe, pero que, finalmente, non interfire e deixa obrar ao destino…». Ese destino que goberna as vidas dos habitantes de todas as periferias.

Edicións Xerais tivo a ben agasallarnos con este book trailer de ‘Periferia’. A cargo do guión e da realización estivo David Rodríguez.

http://www.youtube.com/watch?v=6aoTiBbM4iQ

 

7. A Familia Castelo de Madeira

Exorcismos para sobrevivir

Un zunido inmenso nos oídos. Un zunido inmenso nos oídos e un acedume mesto galgando polo esófago. Esa é a sensación coa que din rematado o medio milleiro de páxinas de Periferia, a novela coa que Iolanda Zúñiga –digamos da autora que naceu en Vigo, 1975 e que é autora de títulos como Vidas post–it (relatos, 2007) e mais Amor amén (poemario, 2008); a presente vén constiturír, entón, a súa primeira narración longa– resultou vencedora, este pasado verán, do Premio Xerais de Novela 2010.

Periferia –ambientada na cidade, na megalópole, de São Paulo, Brasil– vén resultar un vórtice textual de tal magnitude que desintegra calquera xénero literario que trate de describilo. A medio camiño entre o docudrama e mais a crónica ficcionada, entre o relato xornalístico e a prosa poético–musical, as planas de Periferia resístense a tipoloxías planas e o que mellor as retrata é a súa radical e absoluta indeterminación.

Mais esa aconvencionalidade xenérica non é senón a consecuencia lóxica do continente que o contido da obra reclamaba: como transmitir literariamente a loucura mísera dos suburbios de São Paulo, as xeracións de mozos arrasadas polo crack, o espellismo adeusado do fútbol profesional, a violencia agochada tras cada recanto urbano, a escravitude ditada polo narcotráfico, a delincuencia como horizonte único para tantos, a desvertebración social dun mundo no que a vida humana vale menos que nada, nada vale, non vale?

Iolanda Zúñiga non narra ren. Iolanda Zúñiga vomita, máis ben, todo un inferno que se lle meteu dentro,cospe a visión apocalíptica que lle queimou ata o último dos alvéolos pulmonares. O seu non é un exercicio novelístico; antes ben, estamos diante do exorcismo ao que necesitou someterse para conseguir sobrevivir á contemplación do Horror.

Farán ben as lectoras e lectores acostumados aos placebos novelísticos en arredar de si este cáliz literario. E é que acontece que Periferia non pode lerse sen sentir cosidas as tripas,sen arrubiar de só pensar no planeta lamacento que nos congratulamos en perpetuar, nós, aseñoradas e aseñorados habitantes deste denominado “Primeiro Mundo”que habitamos.

Por iso, que aínda existan seres como a Luciana/ Simone coprotagonista do texto, embebidos da esperanza da loita por saír da condena dunha subvida infrahumana, non só insufla vitais ánimos no medio da tempestade agónica, senón que resulta o precioso milagre do rebento vexetal no medio do ermo desértico da mesquindade e mais da ruindade xeral. Periferia, de Iolanda Zúñiga, vénse conformar, xa que logo, como un verdadeiro armaxedón literario. Polo tanto,antes de aventurarnos na súa lectura, convén que meditemos amodo: é que,de certo,non todos están preparados para tanto…

 

Baden Powell plays _Samba em Preludio_

A gran novela de São Paulo non pode se facer ignorando a favela. A gran novela da favela quizais tamén non sexa posíbel escribila no Brasil. Cando menos, Júlio Ludemir, logo de publicar, no 2004, Sorrí, estás na Rocinha non ficou á vontade no Rio de Janeiro.

E quizais esta Periferia de Iolanda Zúñiga sexa a gran novela de São Paulo, o gran romance favelario. Periferia hai que entendela inserida na eclosión, desde hai dúas décadas máis ca nada, da literatura feita nas favelas ou sobre as favelas. Non desmerecemos a Cidade de Deus de Paulo Lins, o primeiro título referencial á hora de falar desta novela de Zúñiga

Literatura marxinal porque está escrita desde a marxe das condicionantes perspectivas da clase media acomodada, a novela de Zúñiga, gañadora do último premio Xerais, denuncia, ergue a voz para retratar o mundo favelario de São Paulo. Un mundo que é un submundo, un submundo que se rexe por regras propias e onde os valores de vida da sociedade acomodada non teñen ningunha validez. Porque son de todo punto imposíbeis: non é o mesmo vivir no andar 23 que nunha favela feita de urxencia e necesidade, non é  o mesmo vestir uniforme de colexio de pago que educarse na rúa da indixencia, dar a luz nun paritorio que tronzar o cordón umbilical cos dentes… Ser un cidadán escribindo unha reclamación de consumo que un ninguén con menos medo á morte que á vida, refugallo creado pola sociadade capitalista ao que os pais con fillos universitarios miran con receo.

A novela de que falamos incorpora a voz da favela como elemento imprescindíbel á hora de elaborar a novela-retrato-crónica de São Paulo. É factor compensador, equilibrante doutro desequilibrio, doutra inxustiza.

A novela de que falamos é periférica, consciente do que significa ser periférico.

Quizais por iso adopta unha estratexia narrativa tamén marxinal por novidosa. Lembra a xa empregada por Inma López Silva en Concubinas. Mais Zúñiga adapta a fórmula narrativa aos seus intereses, xa, de primeiras, dándolles entrada no dicurso ás voces da periferia, facendo delas tamén voces narrativas, desde fragmentos de cancións, sobre todo, mais tamén slogans, graffitis ou estudos que podemos considerar eruditos. Todas estas voces tinxen a novela dándolle unha faciana inequívoca, e cadran do máis natural nunha historia que incorpora unha nómina de personaxes elevadísima. Que vai choutando dunha personaxe noutra de xeito que a imaxe final sexa a dunha pluralidade que non minusvalora o individuo. De xeito que lembra moito títulos como Manhattan transfer ou A colmea e ben pode dicirse, sen temor ningún, que actualiza unha das técnicas narrativas afortunadas do século pasado converténdose inequivocamente nunha novela do século XXI.

Antes de continuar cómpre advertir algo. O meirande perigo deste tipo de novelas é o esquezo inmediato. O lector enfróntase ao perigo de lembrar malamente as páxinas que vén de ler porque se trata de tramas en constante evolución. Para evitar, na medida do posíbel, este efecto, Iolanda Zúñiga bota man dunha historia directora, unha historia nuclear, a de Simone e Brown, nuclear ou referencial por ser a máis recorrente, na que máis tempo se parou a autora. E consegue dalgunha maneira contrarrestar parte do esquezo inmediato, á par que dese xeito sempre poderemos lembrar a novela como a historia da favela de Simone e Brown. Certamente é un logro parcial, que nunca quixo ser total, porque a súa pretensión é ofrecer a pluralidade de voces condenadas por seren favelarias. Se hai algunha maneira de chegar/achegarse á totalidade non debe ser outra que a través da pluralidade.

Ademais das novelas de Dos Passos e Cela, Periferia lembrounos outra: o Arrabaldo do norte de Xosé Luís Méndez Ferrín. Mais aquí a voz narrativa non resulta tan fría, tan cirúrxica. Perceptíbel sobre todo no inicio da novela, esta chouta, desde a perspectiva narratatorial á voz das personaxes coa ponte intermedia das interpolacións en patchwork que antes comentamos e que  serven tanto a voz narradora como son voceiras das propias personaxes. Todo un achado, e por demais moi ben manexado.

Estruturada en nove capítulos capítulos, a novela lembra un xogo cinematográfico entre primeiros planos (obxectivo: o individuo que protagoniza a historia novelesca)  e planos xerais (integradores) aínda que o lector percibirá os planos xerais como disgregadores, afeito como está a unha concepción da historia novelesca centrada na personaxe protagonista… mentres que aquí se propón xustamente o contrario.

Todo isto fai de Periferia unha novela fortemente transgresora. Nin Camilo José Cela nin John Dos Passos deron soñado con que unha novela como a de Iolanda Zúñiga for posíbel. Mais si, Iolanda fíxoa posíbel. E xa metidos en fariña, daría imaxinado alguna vez James Joyce que un monólogo, un único monólogo for capaz de expoñer semellante tonelaxe de situacións externas sen perder a perspectiva única? Perspectiva única e denunciadora que é o único motor da narración, e que se superpón á propia voz narrativa sen que por iso se deba sospeitar ningún tipo de maniqueísmo.

Mais tampouco todo é marabilla en Periferia. Hai que distinguir por un lado a novela, da que vimos de falar, e a postnovela, o que vén despois. A novela remata na páxina 437, incluso engadindo os agradecementos. Mais o volume ten máis de 500. Son case 70 páxinas que ao noso xuízo están de máis. Escritas con toda pericia e coa mesma estratexia narrativa da novela, mais non debían figurar aquí. Son unha confirmación de estilo, unha homeanxe e pequena historia da música funk no Brasil. Funk, fundamental na novela, mais só unha parte. Unha parte que agora nos tronza a imaxe que tiñamos da novela e que  tardou tanto en se definir coma nós en lela.

Á marxe diso, poucas novelas se len con esta intensidade lírica, con esta intensidade técnica, con esta intensidade denunciadora, así de anovadora. Unha, tamén hai que dicilo, preciosa ponte á literatura de expresión portuguesa, unha preciosa ponte integradora. Literatura galega, literatura brasileira: literatura universal escrita en galego denunciando a brutal marxinalidade favelaria creada polo capitalismo

Ás veces, Periferia tiña ben pouco de inspiración e moito de traballo. É por iso que, para entreterme, había días nos que me dedicaba a facer trasnadas. Coas que só eu me divertía, claro. Por exemplo, na novela aparecen un par de cancións das que gardo un recordo tenro e que nada teñen que ver coa historia e si coa miña infancia.

Amigo Felix Rodríguez de la Fuente (cancion)

Unha é “Amigo Félix”, de Enrique y Ana, porque sempre me flipou ese texto no que explicaban as conversas entretecidas dun animal selvático con outro e que tentei plaxiar, sen tanto éxito, tamén nalgunha pasaxe de Periferia. Ademais de colaborar na homenaxe merecidísima ao inesgotable e irrepetible amante da natureza Félix Rodríguez de la Fuente. Eu tiña entón cinco anos, pero lembro o día exacto da súa morte.

 

UN GLOBO DOS GLOBOS TRES GLOBOS ORGINAL 

Outras das cancións que inclúo, non sen picardía, é a sintonía de “Un globo, dos globos, tres globos”, un programa infantil dos 70 no que saía, entre outros, Gloria Fuertes, e fragmentos de Barrio Sésamo, pero este Wally é ben difícil de atopar, porque está oculto con bastante mala intención.

Ao primeiro/a que atope a páxina na que está a versión da letra de “Un globo, dos globos, tres globos” agasálloo/a cun libro ;)

 

 Paciencia – Lenine 

 E non saio do meu pasmo. A Iolanda Zúñiga que eu coñecía, malia ponderala ben, non me deixaba imaxinar a súa autética estatura narradora.

Ando achegándome á metade da novela, e  non sei se atreverme xa o soltar a restra de cualificativos que na pugan por saír case me mancan.

Sempre pode pasar que logo a novela dea un xiro e remate defraudando. Non creo que sexa o caso, para nada. Polo contrario, vai mellorar. Porque é o que vén facendo deica agora.

Cunha técnica narrativa tan simple como complexa, os primeiros referentes que eu lle achei son os de Inma López Silva ( o esquezo inmediato ) e, logo, John dos Passos e Cela (o grande mosaico urbano). E hai máis, outro, indispensábel, é Méndez Ferrín, dígoo pola óptica, polo punto de vista analítico.

Mais estamos no XXI. Non os copia. Non os imita. Asúmeos. Sobrepásaos. Excédeos.

Hai unha tenrura, hai unha tenrura apegada á convencida e urxente denuncia social.

Esa tenrura exprésase desde un fragmentarismo grandioso, coma unha medeixa de innúmeros fíos desfiando ante nós. E cada fío é ouro narrativo, ouro narrativo tinxido do sangue dos desposuídos.

De primeiras, a novela pon respecto. Canto tardarei en lela? Mais entras e non a das deixado.  Iso si, é para sesións de lectura canto máis demoradas mellor.

Mágoa de non ter índice. Axuda moito  nestes casos.

A grande novela paulista é galega, de Iolanda Zúñiga.

( fica por comentar o patchword, que diría Teresa Moure, e máis cousas, e máis cousas…)

Nov
10

 Timbalada – Beija Flor

 Ensaio? Non. Os datos informativos, estatísticos, históricos, etc., son reais, mais non están contrastados.

Crónica? Non. É certo que fun testemuña ocular dalgunhas pasaxes e pescudei virtualmente outras, pero a metade do texto é ficción.

Poesía? Non. Malia valerme dunha infraestrutura, en ocasións, poética, trátase de prosa.

Traxedia? Non. Aquí hai lugar para a esperanza.

Novela? Non. Así e todo, é o termo que máis se aproxima ao contido do texto. Segundo a RAE: obra literaria en prosa en la que se narra una acción fingida en todo o en parte, y cuyo fin es causar placer estético a los lectores con la descripción o pintura de sucesos (…).

E, como boa onanista, busquei sen tregua o pracer estético, alén de todas esas historias sólidas que fornecen novelas convencionais e que, naquel momento, non me interesaban.

Periferia non ha ser ningún best-seller, entre outras cousas, porque non é unha novela ao uso… e porque nin tan sequera creo que sexa unha novela.

É un documental sen imaxes? É un musical sen sons? É un experimento sen química? É un paxaro? É un avión? Non, é… unha docuvela?!

Axudádesme? Por que non cuñamos un termo novo?, unha palabra coa que definir os textos nos que se mesturan ficción, información e música?

O Planeta está a mudar. Nin a literatura nin nós debemos quedar atrás.

Olark Livehelp